Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

Redondela ofrece actividades de ecoturismo e educación ambiental para familias na Semana Santa

O Concello de Redondela oferta saídas de ecoturismo e educación ambiental durante as vacacións de Semana Santa. As concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Infraestruturas e Sostibilidade organizan tres actividades para o público infantil e familiar, logo da boa acollida que tiveron ao longo do verán pasado. Haberá tres actividades: o sábado 23, o luns 25 e o sábado 30 de marzo. A primeira das xornadas “Pedaleando tralas últimas aves migratorias” é unha saída en bicicleta cunha ruta pola Portela para coñecer de preto as aves limícolas e a súa historia. Será o sábado día 23 en horario de 10.30 a 12.30 horas, con saída desde o Multiúsos da Xunqueira. A actividade é de balde, e guiada por monitores profesionais.

O luns día 25 realizarase a actividade “Orientaventura en Cesantes”, un reto no que os máis novos deberán poñer en práctica os seus coñecementos sobre o patrimonio natural, orientación e cooperación. Está dirixido á rapazada de 7 a 16 anos, coa participación dun adulto por equipo para acompañalos, e a a diversión está asegurada. A actividade, de 16.30 a 19.00 horas, inclúe mapas, todo o material necesario e monitores especializados.

A última das xornadas, “Fotografía e natureza”, será o sábado día 30 cun curso de iniciación sobre a fotografía na natureza para maiores de 12 anos. Será de 10.30 a 13.00 horas.

Todas as actividades son de balde e con prazas limitadas. As inscricións poden facerse a partir do luns, día 18, no Multiúsos da Xunqueira, no teléfono 986 40 28 65 ou no enderezo electrónico multiusosredondela@gmail.com.

Desde o goberno local destacan o valor destas actividades de lecer que, ao mesmo tempo, serven para poñer en valor os espazos naturais de Redondela e concienciar á cidadanía, especialmente aos máis pequenos, da importancia de respectar e preserva este patrimonio.

Compartir