Van xa anos dende que no monte da Peneda, na parroquia do Viso, se celebra a finais do mes de xuño esta festa de inspiración pagá, para dar a benvida ao verán. A primeira celebración data do ano 1997 pero dise que esta tradición se rexistra xa no século XIX.
Posúe reminiscencias mitolóxicas baseadas na cultura castrexa do monte (ritos da luz) e a súa principal característica é a subida até o cumio camiñando con fachos acesos e a posterior queima dunha fogueira. O marco da Peneda no que se desenvolve está considerado como unha unión entre os concellos de Redondela e de Soutomaior, ademáis de constituír unha paraxe única visible dende case todos os puntos dos dous concellos. Por outra banda, é importante destacar a súa forte carga histórica dende os tempos máis remotos (“Castro da Peneda”) e tamén a gran relevancia durante a Idade Media na que era coñecido como a Fortaleza de Castrizán, xa que xogou un papel fundamental nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios. Posteriormente foi cristianizada e o seu cumio coroouse cunha ermida.
A Festa dos Fachos ten un marcado compoñente reivindicativo no que a organización quere chamar a atención sobre os coidados que debe recibir o monte, a preservación dos espazos naturais e as especies autóctonas. Ademais supón tamén un chamamento á unión dos dous concellos nese espazo común. O colectivo "Alén Nós" foi o primeiro en apostar por esta celebración que edición tras edición medra cada día máis e contribúen á espectacularidade da celebración.