Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

O alumnado francés do programa de intercambio do IES Chapela visita o Concello

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu esta mañá na Casa do Concello aos alumnos franceses de intercambio que durante un mes convivirán co alumnado do IES Chapela. Célestine e Kylian incorporáronse este mes ao instituto acompañados polos seus anfitrións Gabriela e Andrés de 1º de Bacharelato, que xa pasaron a súa estancia en Francia. Os catro estudantes, acompañados do vicedirector do centro, Francisco Javier Silvela, e a profesora de lingua francesa, Ángeles Alemparte, conversaron coa alcaldesa e co concelleiro de Ensino, Iván Valles, sobre esta experiencia.

Gabriela e Andrés, alumnos do IES Chapela, valoraron dun xeito moi positivo a súa estadía en Francia “nunha rexión rural do interior con moi poucos habitantes”. Os dous destacaron a gran aprendizaxe que supón este intercambio no se que se aloxan coas propias familias “porque se aprende moito sobre o idioma, pero tamén das tradicións e a cultura da zona”. Para Célestine e Kylian esta é a súa primeira semana en Redondela, e aínda que recoñecen que aínda teñen dificultades co idioma, están moi felices coa experiencia e a boa acollida, seguros de que van a “aprender moito”.

Na visita ao Concello Rivas explicoulles a historia do edificio da Casa Consistorial, e convidounos a coñecer Redondela e as súas parroquias. Tamén se interesou polas súas inquedanzas de cara aos seus estudos no futuro, que no caso de Gabriela e Andrés pasan polo Xornalismo e as Relacións Internacionais, e para Célestine e Kylian pola Literatura e a Arte. A alcaldesa eloxiou a súa “valentía” á hora de enfrontarse a un reto como o de saír ao estranxeiro, e animounos a aproveitar ao máximo este intercambio “co que non só melloran as súas competencias no idioma, senón que tamén lles servirá como unha experiencia a nivel de autonomía e para seguir formándose” . O concelleiro de Ensino, Iván Valles, puxo en valor “o gran traballo da directiva e profesorado do IES Chapela, que sempre se implica para ofrecer ao seu alumnado a mellor formación posible, e este programa de intercambio é un exemplo”.

Desde o IES Chapela Francisco Javier Silvela agradeceu o recibimento por parte do Concello do alumnado do programa EDUMOB, e destacou tamén o feito de que Redondela sexa “Cidade Amiga da Infancia” e que escoite sempre “as inquedanzas e necesidades dos máis novos”. O Concello agasallou aos alumnos cuns libros sobre a Batalla de Rande en formato cómic e outro sobre a festa da Coca e o mito do dragón.

Compartir