Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

Máis dun milleiro de nenos e nenas participan na Alameda no proxecto escolar Espallar Tinta

Un total de 1.045 alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Redondela participan esta semana no programa Espallar Tinta. A alameda de Castelao acolle este desde hoxe luns e ata o o mércores esta actividade na que participan os colexios de Educación Primaria e Infantil de Redondela para promover a dinamización da escritura e a literatura na infancia. O Concello de Redondela colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización deste proxecto.

Espallar Tinta recolle durante tres días os proxectos de máis de 1.000 nenos e nenas nunha feira na que o propio alumnado dá a coñecer as súas producións escritas (noticias, contos, poemas, regueifas...). Un xeito de dar visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir. Para a alcaldesa Digna Rivas “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”.

O Concello de Redondela achega os postos para as exposicións, os equipos de son, así como o traslado do alumnado ata a Alameda, e colabora na organización xunto coa profesora Jessica Rodriguez Piñeiro, do CEIP de Cedeira a quen Rivas agradece o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.

Compartir