Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

Redondela recupera o conxunto patrimonial de Cedeira coa restauración do Cruceiro e o Peto de Ánimas da Raíña

O Concello de Redondela pon en marcha os traballos de recuperación da contorna da fonte e o lavadoiro da Raíña, en Cedeira, coa rehabilitación do Cruceiro do Igrexario e o Peto de ánimas de Santo André. Este conxunto patrimonial está ademais no tramo do camiño de Santiago que pasa por diante. A concelleira de Cultura e Patrimonio, Rita Pérez, explica que a intervención que se vai facer ten como finalidade “prolongar e manter o maior tempo posible os materiais dos que están constituídos estes elementos”. Serán uns traballos de “conservación” que se limitan á “consolidación destes bes patrimoniais e as reparacións necesarias”.

A actuación pretende mellorar a área de descanso para os peregrinos, retirando a actual baldosa que se atopa en mal estado. Tamén se poñen en valor os muros de contención coa súa limpeza e encintado, colocando ademais dous bandos de pedra para que o espazo poida ser empregado para o descanso tanto dos peregrinos como dos veciños da zona. Por outra parte mellorarase as condicións da zona axardinada, coa renovación da terra vexetal e nivelándoa para plantar novo céspede. Por último realizarase a conservación dos dous elementos patrimoniais: o Cruceiro do Igrexario, datado en 1898, e o Peto de ánimas de Santo André, de 1890.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, resalta a importancia desta actuación. “Logo da restauración da Fonte da Raíña, realizada anteriormente, agora completamos a recuperación de todo o conxunto para poñer en valor este patrimonio histórico e cultural”. Os traballos, valorados en 48.000 euros, inclúen tamén a mellorar da contorna da fonte coa colocación de lousas de granito así como a ampliación da zona empedrada no lavadoiro. Deste xeito mellorarase a zona de descanso dos peregrinos, “dado que é unha zona de paso de parada para coller auga da fonte e descansar”. Tamén se colocarán dous bancos de granito diante do muro “para xerar o ambiente dunha praza acolledora e de descanso para os peregrinos e a veciñanza”

En canto o peto de ánimas e o cruceiro procederase á súa conservación, xa que estes elementos presentan algunhas fisuras e tamén líquenes na pedra que están a deteriorala.

Instalarase un panel informativo coa descrición dos aspectos históricos e artísticos de interese de cada uns dos elementos patrimoniais e a súa relación co Camiño de Santiago. O taboleiro metálico que serve de soporte para colocar as notas informativas veciñais tamén se substituirá por un novo.

Esta actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, “servirá para poñer en valor o patrimonio histórico da parroquia de Cedeira ao tempo que melloramos un espazo de encontro e de descanso tanto para os peregrinos como para a veciñanza”, conclúe a alcaldesa.

Compartir